Prezado/a coordinador/a de prácticas externas,
Práceme informar que está aberto o prazo de inscrición na II edición do Programa Xuventude Mentoring e póñeme en contacto con vostede para pedirlle a súa máxima difusión a través dos medios propios do seu centro. Este programa está organizado e promovido pola Xunta de Galicia co CIXUG, subvencionado polo FSE e conta coa UDC, a USC e a UVigo como entidades promotoras a través dun convenio coa Xunta de.Galicia.
En que consiste o Programa Xuventude Mentoring e que pode facer polas persoas mozas egresadas da UDC?
Trátase dun programa integral e personalizado para que as persoas cun grao/posgrao da UDC, de idades comprendidas entre 18 e 30 anos, melloren ás súas habilidades e competencias así como as súas expectativas para acadar un emprego a través do apoio permanente dun equipo de persoas titoras, dun equipo de docentes expertos e, sobre todo, dunha rede de persoas mentoras procedentes do empresariado de Galicia e de entidades públicas, que lles ofrecerán asesoramento e apoio profesional á súa medida ao longo das actividades do programa:
- Actividades de asesoramento e acompañamento polo persoal do equipo de titores/as ao longo de todo o programa. Estas persoas especialistas en orientación e apoio á inserción laboral acompañarán de xeito individualizado a cada persoa participante durante o programa.
- Actividades formativas de apoio ao desenvolvemento do perfil competencial de cada persoa participante. Estas actividades estarán divididas entre actividades formativas obrigatorias e contidos formativos voluntarios, podendo desenvolverse de maneira presencial, semipresencial ou en liña. Os contidos desenvolvidos responden ás necesidades dunha persoa moza egresada universitaria na súa transición do mundo académico ao laboral:
Desenvolvemento de competencias fundamentais como o liderado, a comunicación, a negociación e a xestión do estrés; análise das necesidades do mercado laboral; recursos e técnicas activas de busca de emprego; definición do perfil profesional; identificación do obxectivo ou obxectivos; elaboración do CV en distintos formatos e ferramentas TIC implicadas; optimización de LinkedIN; oportunidades laborais públicas e privadas en Europa; oportunidades laborais no sector público; o autoemprego como opción de desenvolvemento profesional e laboral e definición da idea de negocio; sesións prácticas sobre a preparación das entrevistas de traballo; dinámicas de grupo enfocadas aos procesos de selección de persoal; webinarios, actividades de networking e sesións de formación en centros empresariais (a definir, segundo os perfís e os intereses das persoas participantes).
- Actividades de mentoría nas que cada persoa moza participante terá asignada unha persoa mentora procedente do sector económico ou profesional do seu interese tanto do mundo da empresa como do eido público, que lle aconsellará, apoiará e guiará na súa busca de emprego por conta allea ou propia (autoemprego), así como lle axudará a crear e ampliar unha rede de contactos de interese.
- Actividades de networking e visitas a empresas. Ao longo do programa Xuventude Mentoring promoveranse e organizaranse diversas actividades de interacción e networking a través de eventos presenciais e de visitas a empresas destinadas a mellorar a empregabilidade e establecer unha rede de contactos que apoien as demais tarefas do programa. A participación nestas actividades será voluntaria.
Que fai este programa polas persoas mozas egresadas da UDC?
Mellorar as súas competencias e oportunidade de vivir experiencias facilitadoras da súa inserción en conexión cos seus obxectivos profesionais, co acompañamento de persoal titor especializado en orientación laboral e persoas mentoras expertas en cada área profesional.
Cantas prazas se convocan? 250 prazas, para as que haberá un proceso de selección das persoas inscritas e cuxa baremación se indica nas bases da convocatoria.
Cando comezan e rematan as actividades? Dende setembro até novembro/decembro de 2022
Onde se pode atopar toda a información? A información sobre os requisitos das persoas destinatarias, inscrición, bases da convocatoria, como se realizará a selección das persoas participantes e a súa baremación, contacto, etc. pódese atopar na páxina web do Programa Xuventude Mentoring:
https://www.xuventudementoring.gal/
Bases da convocatoria:
Inscrición (aberto o prazo até o 1 de agosto de 2022 ás 23:59 h) no formulario:
https://www.xuventudementoring.gal/inscricion/
Ante calquera dúbida que lle xurda con relación a este programa, estarei encantada de darlle resposta e agradezo de antemán a súa colaboración na súa difusión polo que implica na promoción da inserción laboral dos distintos estudos de grao e posgrao da UDC.
Un saúdo,
Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade
adxunta.vepem@udc.gal