Ciclo de conferencias RACG

//Ciclo de conferencias RACG

Ciclo de conferencias RACG

ONFERENCIAS DIRIXIDAS AO GRAN PÚBLICO

AVANCES EN NOVAS TERAPIAS

4 de maio de 2023 | 19 h | seminario web de 40 minutos por persoa relatora máis preguntas (online) | preinscrición

Concepción González Bello, catedrática de Química Orgánica, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Universidade de Santiago de Compostela

“Superbacterias. Retos e novas estratexias terapéuticas”

Os antibióticos son ferramentas terapéuticas fundamentais na loita contra as infeccións bacterianas. Con todo, a súa capacidade para curar estas enfermidades está agora en grave risco debido ás consecuencias do uso de antibióticos de amplo espectro na estabilidade do microbioma e na resistencia aos patóxenos. Estas bacterias evolucionan moi rápido para burlar a acción dos antibióticos mediante mecanismos cada vez máis sofisticados e difíciles de abordar, en especial nas e nos pacientes cun sistema inmune debilitado. A resistencia aos antibióticos alcanzou niveis tan alarmantes que a Organización Mundial da Saúde estima que en 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán aquelas causadas polo cancro. Para frear o impacto deste escenario na saúde humana e animal, as investigacións actuais céntranse no deseño de novas entidades químicas con “mecanismos de acción novos” con capacidade para incidir sobre “nichos biolóxicos pouco explorados e ben definidos”, así como co desenvolvemento de “terapias combinadas” capaces de reducir o impacto da resistencia das bacterias aos antibióticos en uso clínico. Nesta conferencia amosaranse os retos aos que se enfronta a ciencia e os avances terapéuticos máis recentes neste eido.

María de la Fuente Freire, xefa do grupo de nano-oncoloxía e terapéutica traslacionaI do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Hospital Clínico Universitario, Sergas. Cofundadora da Spin Off DIVERSA Technologies S. L.

“Nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados dando resposta a necesidades médicas non cubertas”

O potencial da nanotecnoloxía para favorecer o desenvolvemento de medicamentos innovadores é un feito indiscutible que se fundamenta tanto nos nanomedicamentos que se atopan na clínica coma no número destes na fase de avaliación clínica, o cal aumenta considerablemente ano tras ano. A aprobación das vacinas contra a COVID-19 baseadas no ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm) e en nanopartículas lipídicas supón outro punto de inflexión que abriu camiño no desenvolvemento de medicamentos innovadores en áreas coma a oncoloxía e as enfermidades raras, entre outras. No grupo de investigación trabállase para contribuír con novas tecnoloxías, pensadas e deseñadas para o seu acceso á clínica, e polo tanto e a máis longo prazo, con novos nanomedicamentos que lles poidan dar resposta a necesidades médicas reais. Ademais, a nosa actividade tamén se centra na transferencia, polo que en 2022 constituímos a empresa derivada DIVERSA Technologies S. L.

2023-04-24T15:32:49+00:00 April 24th, 2023|Cellular and Molecular Biology|